Blog thumbnail

Os enxeñeiros técnicos de telecomunicacións reivindican unha Consellería de Telecomunicacións

Blog thumbnail ,

Os enxeñeiros técnicos de telecomunicacións reivindican unha Consellería de Telecomunicacións

  • ”Non podemos lexislar a cuarta revolución das telecomunicacións con profesionais alleos ao sector, por eso reivindicamos a inminente incorporación de graduados e enxeñeiros técnicos de telecomunicacións en todos os ámbitos da administración pública”, destacou o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións, José Manuel Martínez.
  • A Coruña acolleu o IV ForoTelecos Galicia, unha cita que contou con xornadas técnicas centradas na ciberseguridade e a entrega de premios de recoñecemento a organismos, empresas e profesionais do sector como o galego Alfonso Juan Villamarín, CEO de Cellnex, ou o Instituto Nacional de Ciberseguridade.

A Coruña, venres 26 de xaneiro

A necesidade de contar cunha Consellería de Telecomunicacións en Galicia foi a principal reivindicación dos enxeñeiros técnicos de telecomunicacións durante a celebración da IV edición de ForoTelecos Galicia. “As telecomunicacións están omnipresentes e recoñecer esta carteira só reflicte o que é evidente e relevante para toda a sociedade e o tecido produtivo.


As telecomunicacións están en todas as competencias de calquera goberno de forma transversal e solicitamos que así se trate ao sector”, subliñou José Manuel Martínez, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (COETTGA), durante a presentación do evento.


“É prioritaria a incorporación de profesionais non alleos ao sector teleco para poder lexislar eficientemente a cuarta revolución das telecomunicacións que estamos a vivir, por eso reivindicamos a inminente incorporación de graduados e enxeñeiros técnicos de telecomunicacións en todos os ámbitos da administración pública e en todas as entidades locais, supramunicipais e autonómicas”, destacou Martínez.

A este evento asistiron o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos; a concelleira de Innovación, Movilidad e Infraestruturas do Concello da Coruña, Nereida Canosa; a Subdelegada de Gobierno da Coruña, María Rivas e o director de AMTEGA, Julián Cerviño, ademais de deputados nacionais e autonómicos, senadores e outros representantes institucionais e empresariais de Galicia.

Contou nesta edición coa intervención da actual Secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, María González Veracruz, quen valorou o traballo exemplar dos enxeñeiros técnicos de telecomunicacións galegos e resaltou que “Galicia é un referente no sector das telecomunicacións e as novas tecnoloxías tanto a nivel nacional como internacional”. Ao que engadiu que “as Telecomunicacións e a Transformación Dixital están entre as máximas prioridades do Gobierno. En Galicia están a darse pasos moi importantes en sectores como o chip ou a IA , con apoio do Gobierno con anuncios como o do centro AESIA, sumada ao investimento en conectividade fixa con máis de 170 millóns para levar fibra a máis de 570.000 fogares ou empresas de Galicia, e os 87 millóns cos que se ampliará o alcance do 5G en municipios de menos de 10.000 habitantes das catro provincias”.

O Hotel Finisterre da Coruña foi o escenario elixido para acoller a cuarta edición de ForoTelecos, ao que acudiron máis dun centenar de enxeñeiros técnicos de todo o territorio nacional. O evento comezou cunhas xornadas formativas centradas nunha temática moi importante para o sector, a ciberseguridade.

A primeira delas impartida polo subdirector de INCIBE-CERT e CISO de INCIBE, Marcos Gómez, titulada “INCIBE, a ferramenta de ciberseguridade na sociedade dixital”. A continuación, o consultor de seguridade e socio de DoingIT, Bernardo Viqueira cun relatorio centrado nos Hackers e finalizou cunha mesa redonda na que se debateu sobre os Retos e Tendencias da Ciberseguridade nas empresas, na que participaron o director de BE:SEC en EMETEL, Fernando Segura, o analista de seguridade de Optare Solutions, Israel Valcárcel e a responsable de analítica en Seguridade e Privacidade en Gradiant, Lilian Adkinson.

Premios Enxeño. Recoñecementos a entidades e profesionais do ramo

Tras a presentación, realizouse a entrega dos Premios Enxeño 2023, a cuarta edición dos galardóns que recoñece a traxectoria de profesionais e entidades no mundo das Telecomunicacións.

– Premio Enxeño 2023 aos ex-xefes provinciais de inspección de telecomunicacións: Félix Canales, Salustiano Pérez, Perfecto Meixengo Armada, Manuel Pereira Pola e Xosé Lois González.

– Premio Enxeño 2023 a Gradiant, recolleu o premio o seu xerente, Fernando Jiménez.

– Premio Enxeño 2023 ao Instituto Nacional de Ciberseguridade, recolleu o seu premio o subdirector de INCIBE-CERT, Marcos Gómez.

– Premio Enxeño 2023 á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, recolleu o premio a súa directora Rebeca P. Díaz.

– Premio Enxeño 2023 ENXEÑEIRO DO ANO pola súa gran actividade laboral e unha traxectoria impecable a Santos Héctor Díaz.

– Premio Enxeño 2023 á EXCELENCIA NAS TELECOMUNICACIÓNS ao CEO de Cellnex Telecom España, o teleco galego Alfonso Juan Álvaro Villamarín.

O acto clausurouse coa intervención da concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestrutura do Concello da Coruña, Nereida Canosa, que destacou que a prevención en materia de ciberseguridade ten unha repercusión directa na protección dos servizos telemáticos que se ofrecen aos cidadáns. E lembrou que A Coruña foi o primeiro concello de Galicia en adherirse á Rede Nacional de Centros de Ciberseguridade en 2022.

“As administracións públicas debemos espremer e aproveitar os nosos recursos para fomentar o desenvolvemento da formación laboral asociada ao sector das novas tecnoloxías e as comunicacións”, explicou Canosa.

Puxo o broche de ouro a este evento o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos, que quixo salientar o papel das telecomunicacións como ferramenta para a cohesión do territorio e como garantía de igualdade de oportunidades.

Miguel Corgos, concluíu: “o labor dos telecos é fundamental para desenvolver e adaptar todo tipo de tecnoloxías ás necesidades específicas de Galicia”.