TELECO DO MES.
Son José Carlos Rodríguez Varela, aínda que dende ben pequeno todos os que me coñecen de preto chámanme Charlie. Nacín e crieime nunha pequena parroquia chamada Pazos (Ponteceso – A Coruña). Alí pasei a miña infancia e adolescencia ata que decidín mudarme a Vigo para estudiar Enxeñería Técnica de Telecomunicacións.
Despois de varios anos moi bonitos e enriquecedores en Vigo e na Universidade, comecei a miña andaina profesional cunha breve experiencia en R, para despois enrolarme no mundo da electrónica de consumo en Blusens.
Actualmente, traballo en Cocomm, unha empresa fundada en Santiago de Compostela na que desenrolamos e fabricamos teléfonos de sobremesa inalámbricos principalmente para uso no entorno corporativo.
– Por qué escolliches estudar telecomunicacións?
Tiña claro que quería cursar unha enxeñería, pero máis alá diso, estaba un pouco perdido. Supoño que é bastante habitual cando rematas o Bacharelato. A maioría dos meus amigos matriculáronse en Enxeñería Informática, e eu por unha cuestión de mera intuición, optei por teleco. A día de hoxe estou contento de ter tomado esa decisión.
– Qué especialidade elexiches? e por qué?
Decanteime pola de Imaxe e Son un pouco polo mesmo. Simplemente atraiame un pouco máis que a especialidade de Sistemas de Telecomunicacións, que era a outra dispoñible na Universidade de Vigo.
– A que te dedicas actualmente?
Como comentei antes, actualmente exerzo de Responsable de Certificacións e Fabricacións en Cocomm. A miña misión non é outra que a de garantir que as producións dos distintos terminais cos que contamos no noso catálogo de productos se realizan en tempo e forma. Tamén xestiono os procesos de certificacións de todos os nosos novos productos, para asegurar que cumprimos coa normativa de calquer mercado no que teñamos pensado comercializalos, así como con aqueles certificados adicionais requeridos polos operadores que decidan vender o noso producto.
– Cales son as vantaxes de ser graduado ou enxeñeiro técnico de telecomunicacións?
Podemos presumir de ser profesionais cunha base de coñecementos moi ampla e en xeral cunha gran capacidade de adaptación a distintos roles dentro da empresa. Nun entorno tan cambiante coma o actual, probablemente sexa a maior das nosas virtudes.
– Qué lle dirías a un rapaz do instituto para que escolla estudar teleco?
Simplemente lle recomendaría que se deixe levar por aquilo que máis lle apaixoe. Que decida por si mesmo/a en función das súas preferencias persoais sen deixarse influenciar por terceiros. A fin de contas, pasará un porcentaxe moi alto do seu día a día desenrolando a profesión para a que decida prepararse.
– Qué che aporta o COETTGA a ti?
Valoro moito todo o traballo que se fai relativo á defensa das nosas competencias e a posta en valor do colectivo no mercado laboral.
– Qué che gustaría aportar ti ao COETTGA?
Intento participar en todas as iniciativas que se levan a cabo, principalmente dende a demarcación galega, tratando de aportar o meu gran de area no que se poida precisar.
– Qué lle dirías a un estudante de teleco para que se colexie?
Probablemente é un dos puntos nos que o colexio cobre máis sentido. Xeralmente ao rematar os estudos poden aparecer esas dúbidas de “¿e agora qué?”. O colexio pode ser unha ferramenta moi útil para achegar aos recén titulados ao mundo empresarial, por exemplo a través de actos que fomentan o networking.