Blog thumbnail

V Edición Forotelecos 2024 Galicia

Blog thumbnail

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA) celebrou a súa V edición do Foro Telecos 2024, no Hotel Mercure de Lugo, unha cita que xa é un referente para profesionais e expertos do sector.

O Foro contou coa presenza de autoridades, representantes do sector das telecomunicacións e expertos, que abordaron, entre outras cuestións, as funcionalidades do 5G en casos de emerxencia, os retos das redes ante situacións de catástrofes así como as canles de coordinación, protocolos e procedementos coas autoridades e comités de emerxencias.

Na quenda de intervencións, o decano de colexio, José Manuel Martínez, avogou por humanizar as telecomunicacións e sinalou que un dos grandes retos debe ser reducir a fenda dixital.

A Xunta comprometeuse cos obxectivos da Unión Europea para que en 2030 o cento por cento da poboación teña conexión e, dentro deste comrpomiso, destacou un proxecto posta en marcha para achegar a telefonía móbil “a toda a poboación galega” eliminando barreiras.

Xa na mesa de debate, Luis Pérez Roca (Gradiant) subliñou a relevancia das redes 5G para os servizos de emerxencias e fixo un repaso polas principais aplicacións específicas para emerxencias en situacións críticas. Ademais, destacou o papel dos sistemas aéreos non tripulados e o papel das redes non terrestres para “mellorar a conectividade no rural e facer as redes máis resilientes fronte a situacións críticas de desastre”.

Na mesma liña, Antonio Rodicio destacou a importancia de contar cunha boa conectividade, fija e móbil. “É un servizo esencial para a poboación como poden selo a subministración eléctrica ou a auga”. Neste sentido, destacou o traballo realizado por R, como operador líder en Galicia.

“O noso obxectivo é seguir nesta liña, mellorando cada día”, sostivo Rodicio.

Durante o acto tamén se fixo entrega de Premios Enxeño 2024 unha vez máis para galardoar e recoñecer a traxectoria de profesionais e entidades no mundo das Telecomunicacións.

  • Premio Enxeño á traxectoria de innovación e I+D na industria electrónica: Alberto Prieto. (Director Técnico de Tredess).
  • Premio Enxeño á Excelencia na Investigación en Telecomunicación e Transferencia á Empresa: Fernando Pérez. (Catedrático da Teoría do sinal e Comunics. da Universidade de Vigo)
  • Premio Enxeño á Estratexia Comercial e Dirección de Equipos nas Telecomunicacións: María Xosé Miguéns (Grandes contas B2B R Cable MasOrange)
  • Premio Enxeño á Traxectoria Institucional na Administración Pública de Telecomunicacións: Ignacio Otero (Enxeñería e Planificación de Radio, TV e Multimedia da Xunta de Galicia)
  • Premio Enxeño ao Enxeñeiro Colexiado do Ano pola transformación tecnolóxica aplicada a grandes empresas:  Iván Castro (CTO de Estrela Galicia)