Santiago Moroño
Director Técnico en Strelia Electrotecnia e vogal do Colexio Oficia de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA)
Escoitabamos hai uns días que o iPhone 12 provocaba nas persoas un exceso de exposición ás radiofrecuencias que emite. Foi o organismo oficial de control francés (ANFR) quen chamaba á orde á multinacional Apple por teren detectado nun ensaio sobre 141 modelos de teléfonos móbiles, que o iPhone 12 proxectaba sobre o brazo da persoa que o sostén 5,7 W/kg de enerxía radioeléctrica, cando o máximo permitido é de 4,0 W/kg.
As directivas europeas de seguranza limitan a exposición ás ondas de radio que emiten os aparellos electrónicos empregados de cote na nosa vida e actividades. O que se vixía é o “Índice de Absorción Específica”, o SAR en inglés; que ven sendo a enerxía emitida polo móbil que indesexábelmente é absorbida polo noso corpo. O SAR mide os vatios de radiofrecuencia que penetran en cada quilogramo de tecido biolóxico (de “carne e óso”) do noso corpo (W/kg).
A normativa define polo miúdo -nunhas probas de laboratorio normalizadas- os valores de exposición para tres situacións típicas que imos recoñecer de contado:
- a) o móbil a carón da orella provocando exposición na nosa testa
- b) o móbil metido nun peto da roupa radiando contra o tronco do noso corpo
- c) o móbil sostido coa mao emitindo sobre o noso brazo.
Nas dúas primeiras probas (cabeza e tronco) o límite europeo de SAR é mais restritivo, 2 W/kg como máximo, e o iPhone 12 supera estas probas correctamente. Onde se detectou o problema foi na proba de extremidades, que permite un valor máximo de SAR de 4,0 W/kg, e que no caso do iPhone 12 semella ser de 5,7 W/kg segundo vimos de saber.
Esta exposición radioeléctrica é indesexábel por dúas razóns: por unha banda polos posibles efectos sobre a nosa saúde, e por outra banda por que queremos que toda a radiofrecuencia posible chegue á estación de telefonía coa que está a comunicar o noso terminal móbil para ter o mellor servizo (navegación rápida, conversas claras, etc) e que non se perda esta enerxía absorbida en corpos ou paredes.
Sobre os efectos para a saúde do nivel de exposición detectado, cómpre indicar que a normativa deseñouse cunha marxe moi grande, e a posibilidade dalgún efecto sobre a saúde comezaría para valores de SAR por riba de 40 W/kg. Así o valor de 5,7 W/kg do iPhone 12 sobre extremidades, non nos debe alarmar en absoluto. O iPhone 12 é perfectamente seguro malia o sancionábel incumprimento da Apple.
Mesmo é importante saber que despois de mais de 30 anos de intensos estudos científicos en todo o mundo -de investigación base e epidemiolóxica- non se atopan relacións claras entre a exposición ás ondas de radio e doenzas como o cancro, afeccións cardíacas, deterioro de funcións cognitivas, e outras que ás veces escoitamos.
Quizais a pregunta interesante é, por que é que se fai tanta pesquisa científica neste campo entón? Pois é por que hai menos de 100 anos que se empregan as ondas de radio, e nos últimos 50 anos empréganse de maneira masiva dende a chegada das emisoras de FM, a televisión, o WiFi, a telefonía móbil, etc. Isto é unha novidade absoluta no desenvolvemento e evolución da especie humana. Até a aparición das redes eléctricas e os sistemas de radio, a presenza natural destas ondas na biosfera do noso planeta era practicamente nula, e hoxe desde que unha persoa, animal ou planta comeza a medrar, está exposto durante toda a sua vida a estas radiofrecuencias.
Tamén acontece que as radiofrecuencias pertencen ao grupo das radiacións electromagnéticas NON ionizantes. Mais coñecemos que hai outras radiacións electromagnéticas SI ionizantes, como os raios UV (ultravioletas do sol) ou os raios alfa (emitidos polo gas radon, tan abundante na Galiza) que existen desde sempre, e que son canceríxenas ao expórmonos en exceso. O feito de seren estas radiacións SI ionizantes é o que as fai potencialmente canceríxenas, e o feito de as radiofrecuencias non teren esa capacidade de ionizar (alterar) as moléculas biolóxicas é o que as fai seguras neste senso. Aínda así, loxicamente, a comunidade científica leva decenas de anos a pesquisar se pode haber calquera efecto destas novas ondas de radiofrecuencia para a nosa saúde, sen atopar realmente nada significativo nos niveis de exposición habituais.
As afeccións á saúde que se dan atopado van principalmente pola liña do efecto térmico que produce esa enerxía de radiofrecuencia absorbida polo noso corpo. Isto refírese por exemplo, a que se non houbese control do SAR, botar unha hora a falar por teléfono podería elevar en varios graos a temperatura interna do noso cerebro, provocando este quecemento un malestar, como podemos entender facilmente. Pode haber outras interaccións como a derivada da natureza eléctrica dos sinais de radio e a actividade eléctrica natural do noso organismo que se estudan e non son patoxénicas dentro dos niveis establecidos.
Os límites de exposición SAR das directivas europeas (e do resto do mundo) derivan de toda a xeira de estudos científicos desenvolvidos, e engaden un aspecto moi importante que é o “principio de precaución”. Por este principio é polo que un valor de SAR de 40 W/kg pasa na normativa a ser 10 veces mais restritiva, admitindo só 4 W/kg como máximo para autorizar un aparello.
Este principio de precaución é tamén o que impón que as operadoras, en cada comunicación establecida desde a torre de telefonía, teñan que emitir só coa potencia mínima que se precise, que se vai axustando dinamicamente a medida que o teléfono móbil está mais lonxe ou mais perto da estación. Para o teléfono móbil, tamén a normativa estabelece o mesmo, só debe emitir co nivel de potencia máxima cando fai falta. As probas nas que fallou o iPhone 12 fanse á máxima potencia, así é que en moitos casos do uso cotiá, este móbil non vai estar incumprindo por que non precisa traballar a toda potencia.
O persoal facultativo que facemos parte do Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA) desenvolvemos cada ano máis de 4000 medicións de exposición radioeléctrica ao longo do territorio galego para garantir esta protección da saúde e o cumprimento das normas por parte das diferentes operadoras de telecomunicación.
Finalmente, o mellor consello que podemos dar á cidadanía sobre este asunto é insistir na mensaxe que as directivas europeas estabelecen que ha acompañar os terminais móbiles: empréguese o terminal preferentemente afastado do corpo (coa función “maos libres”, auriculares, etc.) e minimice a exposición aos sinais de radiofrecuencia.Podemos ver esta mensaxe para o caso do iPhone 12 nesta ligazón: apartado Exposición a radiofrecuencias.
Cómpre saber que tecnicamente, o teléfono cando detecta que está contra o corpo baixa a potencia emitida para cumprir o SAR (igual que cando apaga a pantalla), e cando o temos separado, sábeo e pode emitir con toda a potencia necesaria por ambas caras do terminal dun xeito moito mais eficaz, mellorando a comunicación e a velocidade de transmisión, e consumindo menos enerxía.
A respecto da Apple, entendemos que procede por parte das autoridades europeas e nacionais aplicaren o protocolo estabelecido, exixindo o correspondente arranxo do problema e asumindo este fabricante os custes que implique. Procede que os organismos de control estean vixiantes para fabricantes e operadoras cumpriren as normativas estabelecidas, con maior rigor aínda cando isto afecta ao eido da nosa saúde.
Santiago Moroño Arenas
Director de Enxeñaría na Strelia Electrotecnia
Enxeñeiro Técnico de Telecomunicación
Colexiado Nº 7823 do COETTGA